Saltar ao contido principal

BASES CONCURSO MURAL "A ESCALEIRA DE PEPE E PEPA"

A ANPA do CPI Ramón Piñeiro convídavos a participar a alumnas e alumnos da ESO no concurso para facer un mural que fale da historia de Pepe e Pepa. ¿Coñecédela? ¿Sabedes de que trata?
Aquí tedes unha pista: https://youtu.be/pTch0whicpk (ou busca “Pepe e Pepa. A violencia de xénero en Internet”).

Tema
Neste concurso debedes facer a vosa reinterpretación desa historia e plasmalo de forma gráfica nun mural escollendo as técnicas que máis vos gusten, de xeito que podamos comprender esa fábula sobre a evolución da violencia de xénero na parella.

Primeiro
Poderán participar no concurso o alumnado da ESO do CPI Ramón Piñeiro de Láncara, en grupos de 2 a 4 participantes.

Segundo
Os traballos deben ser orixinais.

Terceiro
Poden ser creados manual ou dixitalmente, empregando as técnicas que máis vos gusten, pero deben ser entregados en formato dixital,  tamaño A3, no enderezo de correo electrónico apa.ramonpineiro@gmail.com
No correo electrónico debedes indicar os nomes dos participantes, curso e os teléfonos de contacto.

Cuarto
O prazo para entregalos rematará o 9 de novembro de 2020.

Quinto
O xurado estará composto por dous membro do profesorado do CPI Ramón Piñeiro, un membro da corporación municipal dos concellos de Láncara, O Corgo e O Páramo, a responsable da OMIX do Concello de Láncara, unha exalumna do centro e unha representante da ANPA.
Os murais serán expostos publicamente no sitio web da ANPA despois das votacións e se é posible, tamén nas instalacións do centro.

Sexto
Valorarase que o equipo sexa mixto.
Os participantes son responsables do material que presenten ao concurso. Queda excluída toda responsabilidade para a organización.
Non se admitirán os carteis que non se axusten as condicións do concurso, nin se admitirán traballos ofensivos ou desapropiados.

Sétimo
O premio será un “Bautismo de escalada” en Rocolugo para o equipo gañador xunto con outros agasallos, tamén para o segundo e terceiro mellor cartel.

 

Esta actividade está financiada coas axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.

SecretariaXeral da Igualdade da Xunta de Galicia.

Operación cofinanciada con Fondos finalistas do Pacto de Estado contra aviolencia de xénero.

O noso agradecemento ao CPI Ramón Piñeiro e Concellos de Láncara, O Páramo e O Corgo por participar como xurado e contribuír a difusión deste concurso, contacontos e charlas de educación afectivo-sexual.



Publicacións populares deste blog

Como participar nas videoconferencias e nos contacontos de Igualdade

As charlas que van impartir os médicos-sexólogos de Otero Piñán e os contacontos de Igualdade van ser empregando a plataforma Zoom. Deixaremos as ligazóns aquí un pouco antes de comezar a sesión, xunto cunhas pequenas normas por seguridade. Se tedes calquera dúbida ou problema coas charlas, contacontos ou o sistema zoom, avisádenos en tempo para poder axudarvos e solucionalo.  

Benvidos ao sitio web da ANPA do CPI Ramón Piñeiro

Simplemente dicirvos que queremos que este sexa un espazo onde atopar toda a información de interese que compartimos, de xeito centralizado, e así chegue a todas as familias dos alumnos e alumnas do CPI Ramón Piñeiro. Na parte superior atoparedes a ligazón Axenda . Nela queremos incluír a información das datas nas que están abertos determinados trámites, eventos organizados por nós ou ben nos que colaboremos. Tamén queremos incluír os que promoven a FAPACEL , CONFAPA ou outras ANPAs. De momento non habilitaremos o apartado de comentarios, pero lembrade que estamos a vosa disposición por teléfono ou ben no enderezo electrónico apa.ramonpineiro@gmail.com para as vosas suxestións e achegas, que serán ben recibidas.

Ela e Dylan: Flores solitarias. A muller nas cancións e poemas de Bob Dylan.

Nesta ocasión a ANPA do CPI Ramón Piñeiro tamén colabora na organización e difusión de esta obra musical e poética, de novo dentro proxecto " Ler conta moito ", do Programa de dinamización da lectura da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia , xunto co Concello de Láncara . Terá lugar o sábado 30 de xuño de 2018, ás 19:00 horas, na Biblioteca Municipal de Láncara O público destinatario son a mocidade e os adultos . Trátase dunha performance poético-musical sobre a muller nas letras de cancións e poemas de Bob Dylan traducidas ao galego. Ao longo dunha hora iranse sucedendo a dramatización de letras e textos do libro “Tarántula” de Dylan, mesturados coas cancións cantadas a unha ou dúas voces por Helga Méndez e Roger de Flor. Bob Dylan foi o primeiro músico en obter un Nobel de Literatura. É unha boa oportunidade para coñocer parte da súa obra, letras e música.